A XUNTA AMPLÍA A ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO A 18 CONCELLOS MÁIS COA INCLUSIÓN DE DÚAS NOVAS RUTAS
• O Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Fomento veñen de acordar a incorporación do Camiño de Inverno e do Portugués pola costa e tamén asinaron o convenio polo que se destinarán 1,5 millóns de euros ás axudas de 2019
• Con esta ampliación, a ARI comprenderá un total de 687 parroquias pertencentes a 126 concellos que se poderán beneficiar de subvencións para rehabilitar vivendas
Santiago de Compostela (IGVS)
A Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago estenderá o seu ámbito de actuación coa incorporación dos trazados do Camiño de Inverno e do Camiño Portugués pola costa. Así o acordaron o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Ministerio de Fomento, que veñen de asinar esta ampliación, así como o convenio para o financiamento das actuacións a realizar nesta área en 2019.
Ata o momento, a ARI dos Camiños de Santiago incluía un total de 568 parroquias pertencentes a 108 concellos polos que transcorren as rutas do Camiño Francés, Inglés, Portugués, da Prata, do Norte, Primitivo e de Fisterra-Muxía.
Coa incorporación agora da ruta de Inverno e o trazado do Camiño Portugués pola costa, a área esténdese a outras 99 parroquias de 20 municipios, aínda que dous deles (Lalín e Redondela) xa estaban incluídos antes ao atoparse no percorrido dalgunha das outras rutas. Polo tanto, a ARI dos Camiños de Santiago comprenderá un total de 687 parroquias distribuídas entre 126 concellos.
NOVOS CONCELLOS INCLUÍDOS NA AMPLIACIÓN DA ARI CAMIÑOS DE SANTIAGO
CAMIÑO DE INVERNO
CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA
A Pobra do Brollón
A Guarda
Chantada
Baiona
Monforte de Lemos
Nigrán
Quiroga
Oia
A Rúa
O Rosal
Carballeda de Valdeorras
Redondela
O Barco de Valdeorras
Vigo
Rubiá
Vilamartín de Valdeorras
Lalín
Rodeiro
Novas axudas para a rehabilitación
Ademais da ampliación, o IGVS e o Ministerio de Fomento acaban de asinar tamén o convenio de financiamento que contempla as subvencións nesta ARI para o ano 2019 e en virtude do cal destinaranse 1,5 millóns de euros ás axudas para a rehabilitación de vivendas nas nove rutas do Camiño de Santiago incluídas na mesma.
Cómpre lembrar que ao tratarse dunha ARI supramunicipal (a única existente en Galicia xunto coa do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, declarada o pasado mes de xaneiro) a súa xestión recae directamente no IGVS, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
As subvencións para intervir este ano na ARI dos Camiños de Santiago, cuxa convocatoria está prevista para as próximas semanas, van destinadas a propietarios de vivendas e comunidades para a realización de obras de rehabilitación cun importe máximo de 16.000 euros por vivenda, contía que se poderá incrementar en 1.000 euros máis cando a actuación se adapte á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.
No caso dos demandantes menores de 35 anos que rehabiliten as súas vivendas ao abeiro destas axudas en concellos de menos de 5.000 habitantes, o importe da subvención poderá chegar ata os 20.000 euros por inmoble, sempre que a actuación se adapte tamén á Guía de cores e materiais.