Na busca de seis novas familias para o Casco Vello Alto de Vigo
Trátase de vivendas rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, encabezado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo
Redacción / Vigoé
A Xunta de Galicia iniciou o procedemento para a adxudicación de seis vivendas de protección autonómica promovidas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, no que o Instituto Galego da Vivenda e Solo participa cun 90 por cento do seu capital.
Poderán participar no sorteo das mesmas aquelas persoas que a data do 8 de febreiro de 2017 estiveran inscritos e anotados no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda no réxime concertado e modalidade de compravenda. Os interesados dispoñen dun prazo de 15 días para a presentación da solicitude de inclusión no procedemento de adxudicación.
Dúas das vivendas para as que se inicia o procedemento de adxudicación están emprazadas na rúa Ferrería 10-12. Ambas dispoñen dunha superficie de 56,79 metros cadrados ademais dun rocho, e o prezo de venda vai de 90.000 a 95.000 euros.
As outras catro vivendas sitúanse en Ferrería 45-47, con superficies dende 55 a 109 metros cadrados e prezo de venda entre 83.000 e 175.000 euros.